Eu son Lupe, unha nena moi silenciosa, moi alegre, moi forte. Buscando sempre, na miña vida, a liberdade escura e azul dos elefantes. Nacín en Fisteus, unha aldea bonita onde a natureza brillaba. Eu ía coas vacas, en paz, e berraba na escola. Todo era sangrar. Todo era bonito, limpo. Bailar. Romper a gorxa e volver a amar, con ollos limpos, novos. Sentía, dende nena, que todo era demasiado grande, e que non había sitio para min. A veces tiven que chorar, tolear. A veces sufrir, e levantar os ollos no sitio dos mapas. A veces facer circunferencias nos campos e levantar a saia e ensinar o sexo, a sinceridade, as bragas. Escribir, dende sempre, para recuperarme, para levantar os ollos, para soportar o mundo, para voar, para romper a realidade. Facer poesía, como quen fai barcos. Construir o sexo, a cerámica. Facer nos meus ollos unha risa moi escandalosa, moi libre, moi alta. Bailar cos meus amigos na aldea. Na aldea nacín, e da aldea fun expulsada. Con desgarro, con dor. Nacín no galego, e en Curtis e en La Coruña sentín frustracción. Estudei, eu era moi estudosa, gustábame estudar. Para min era como un exilio. Dentro de min había unha revolución enorme. Víñenme a Santiago de Compostela a vivir e a facer Xornalismo. Nesta cidade abrinme aos soños. Nesta cidade empezei a vivir. Aqui o meu mundo medrou moito. Aqui escribin os meus sete libros, e agora estou escribindo o octavo, unha biografía sobre unha muller maravillosa e intensa. Aqui renunciei a ser perfecta e convertinme nun cocodrilo. Aqui empezei a colaborar con El Correo Gallego e Galicia Hoxe. Fago artigos e críticas de libros e teatro como quen fai pan. Coa pulsión do infinito. Coa miña forza de nena pequena. Gardo en min moita rebeldía e moitas ganas de bailar. Os meus libros son os meus fillos. Pornografía naceu con éxito e con dor. Os teus dedos na miña braga con regra é unha historia de amor vivida en Compostela, chea de tenrura e paixón. Poesía fea naceu dunha forma moi viva, moi directa. Naceu nas cartas que eu escribía e lle mandaba aos meus amigos. Fisteus era un mundo é o meu libro máis alegre, o máis optimista, o máis sincero. É un libro moi vivido. Unha narración-poema feita coa miña vida, cos meus sentimentos. Querida Uxía vai dirixido para os nenos, e está escrito coa miña fantasía e co meu amor. Cando escribo esto, está a piques de sair o meu poemario Levantar as tetas, outra mostra máis do meu orgullo de ser Lupe, unha nena enferma que fai poemas mínimos, limpos, vivos. Tamén, gañei un premio co meu poemario O útero dos cabalos. Un poemario de poemas vitalistas, longos. Moi diferentes ás miñas poesías de antes.
Para min vivir consiste en escribir. Non concibo a miña vida sen escrita. Eu, se non escribo, non son eu. Son outra, estranxeira, alienada, perfecta. E eu non quero vivir chorando. Non quero nin imaxino unha vida sen escrita. Xa non quero ser perfecta, gris e de goma. Agora quero ser eu, Lupiverdiazul. Eu chámome asi, Lupiverdiazul. Quero vivir e que todo sexa bonito e emocionante. Encántame recitar, facer moitos recitais, berrar as miñas palabras. Os recitais son para min algo maravilloso, máxico e extraño. Fundirme coa xente, dunha forma intensa, catártica, sagrada. Berrando moito. Elevando a alegría e o llanto.
Morrerei algún dia, pero agora quero ser libre, e vivir todo intensamente. Agora quero enamorarme moito dos mozos, soñar, escaparme da escola. Quero beber cervexa polas noites en Compostela. Facer viaxes a Fisteus e a Portugal. Non quero ser real. Quero bailar.
extraído da BVG, biblioteca virtual galega.
1 comentario:
Marabillosa Lupe Gómez. Grazas por existir!!!
Publicar un comentario